miércoles, 17 de septiembre de 2008

Amiña netiña


Era o amencer dun venturoso Outubro,
e aínda o ceo estaba escuro,
cando entraches pola porta
que te trouxo a este mundo.

¡Que cansadiña e aturdida
chegaches á túa nova vida!
e mentres a alguén se lle ocorría
espertarte cunhas palmadiñas,
con ímpetu berraches: ¡aínda estou viva!

Pola fiestra, pouco a pouco,
íase filtrando a luz do día
no intre que a túa nai, chea de ledicia,
no seu regazo te acolle,
e con moita tenrura te acaricia.

Ollándote o teu pai ben arroupadiña,
mirábate, tan fráxil e tan bonitiña,
mentres as bágoas dos seus ollos fuxían,
correspondéndolle ti, querida netiña,
cun doce sorriso na túa boquiña.

Os teus avós, moi preto andivemos,
para coñecer á nosa única neta,
cando ao fin, levamos boa sorpresa,
ao descubrir que eras unha meniña
moi fermosa e miudiña:
¡quedamos prendados da nosa princesiña!

Os teus pais, refollando na Biblia
decidiron chamarte Sara…para min, Sariña.
Con fervor, ó noso Señor pedirei cada día,
para que sempre te garde e te bendiga.